lunes, 31 de mayo de 2010

Diario 6 de Marzo

Reuníronse os primoxénitos da aldea,
serios os rostros, nos corazóns triste esperanza
dúbidas na voz prudente, medo nas caladas.
Simularon ignorancia frente á mar que quebra


os fillos enviados coa fe dos poetas,
depositarios da anterga xénese africana
incontible alento vital da única raza
a dos homes, escrita na lingua sen diferenzas


a do códice do adn da supervivencia.
El, elexido, arriscará pola tribu a vida
na construcción do épico Grial do futuro.

Mais nunca chegará á Terra descoñecida,
antes escoitará morrer, mudas, ás amigas
no ataúde: a nena, a mai. No verán dos cayucos.

jueves, 20 de mayo de 2010

Verxestivo*



.

Discutir contra os estouros da tormenta
que alimentan a Terra con bombóns salados
e saír indemne-seco.

.
Loitar contras as serpes do estómago
fuxidas entre bruídos nocturnos,
alaridos de fame en Benquerencia.
.

Alicerces de lama na chuvia.
Abrazar ós cans que bafexan no rompente
escapando do soto da ira,
apresado polos opiáceos do silencio
que aburguesan ós poetas a tempo parcial.
.

Gañar a pelexa ás tormentas.
Perder fronte as serpes da placidez
perder contra o can da noite
e buscar, e non atopar o ruído da antimateria
para aplacar o bruído estomacal
para paliar o pozo dos murmurios
dos berros desta illa sen faro.

.
Hai feces sanguinolentas no espello.
Unha tormenta de partisanos non afogará serpes e cans
co chumbo dos salseiros de veludo.

.
Os farallóns do desconcerto resisten
os embates dunha semente que non agroma.

.
Mañá pecharei os cans.
Levantarei o sacho contra o escáncer.
.

(*) Verxestivo.- Persoa feble e en permanente dúbida. Dícese do idioma utilizado polos ruídos estomacais nos seus discursos nocturnos para comunicarse co indefenso soñador.

.

.

Nolite Nocere


Cravada a subela contra o Faro
camiña baixo a brétema o Demo.
Revira Estabañón co bico da Ira.
Escurece o día sementando o Medo.


Bebe salgada a escuma Ártabra
ata acadar o outeiro de Breamo.
Detense a escoitar o nado de Ledán.
Na terra dos Andrade dorme o Galo.


Alíase o Diaño co bafo de Tifón.
A morte visita os ollos de Minla.
No Torreón xúralle Eternidade:
un último bico na meixela Lívida.


Coa promesa da alma agarrada á Gorxa
constrúe silandeiro o Pontífice Negro.
Brinca Minla sobre a Desesperanza
do arco inacabado na Ponte do Demo.


Os cavorcos do Eume ecoan a Lenda:
Rota a avinza da noite de Marusía,
vive a fermosa Minla no anxo de Pedra
leal sobre o brasón, de costas á Ría.

.

.